07 febrero 2008

Un canteiro de Terra de Montes


O pasado sábado 2 de Febreiro, a Asociación Ecoloxista e Cultural de Terra de Montes “Verbo Xido” e a Editorial “Difusora de Letras, Artes e Ideas” de Ourense, apresentaron o libro Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Album de Guerra, da autoria do compañeiro Rogelio Arca Rivas e Dionisio Pereira.

O libro dunha coidada edición ten un limiar en nome de “Voces, vítimas e lugares” e é unha homenaxe a Rogelio Arca Rivas, fillo de Francisco Arca Valiñas un dos compañeiros torturados e asasinados na Ponte do Barco (xunto com Secundino Bugallo Iglesias) e aos cerdedenses que combateron nas Milícias Confederais. O compañeiro Rogelio Arca foi quen de levar en plena guerra un diário e coa sua cámara fotografar a compañeiros do sindicato de canteiros de Terra de Montes e uns outros milicianos de diferentes lugares e procedéncias. No decurso de 70 anos e pasando por prisión, vixiláncias, represión e controles vários da guardia civil, foi quen de guardar os negativos de máis de 40 fotografias e o cuaderno co seu diário na frente de Madrid. Dionisio Pereira situa historicamente o que Rogelio narra, e estamos diante dunha testemuña gráfica imprescindíbel para coñecer un pouco máis a história do movimento obreiro e do anarco-sindicalismo na Galiza.

“O libro é o resultado das vivéncias dun canteiro de San Martiño de Figueroa (Cerdedo), Rogelio Arca Rivas. Fillo de "paseado" en Cerdedo (o seu pai Francisco Barca, cenetista, foi asasinado polos falanxistas cerdenses na Ponte do Barco-Pedre o 13 de Agosto de 1936), fixo toda a guerra civil nas Milicias Confederais. Malia que tivo que pasar por un campo de concentración en Teruel e nun Batallón Disciplinário en Lugo, Rogelio conseguiu salvar o seu Diário de Guerra e 40 fotografías que fixo cunha pequena Kodak aos seus compañeiros da 39 Brigada Mixta, case todos eles canteiros de Cerdedo e Forcarei, nas Tapias do Pardo en plena defensa de Madrid, correndo Abril de 1937”.

Foi o acto do dia 2 un acto de agradecemento a todos aqueles homes e mulleres que foron capaces de manter a dignidade en tempos de represión e olvido, e en especial a Rogelio quen aos seus 94 anos segue-se emocionando ao ver as fotos dos compañeiros que morreron, e que aos seus anos pide a bandeira confederal para teé-la nos actos de homenaxe ao seu pai Francisco e a Secundino (os dous compañeiros de CNT) na Ponte do Barco e é quen de custodiá-la por máis dunha hora. Só morre o que se esquece e Rogelio Arca Rivas é a memória viva dun tempo, e o presente de dignidade obreira no que nos podemos ollar todas e todos.

Saúde compañeiro Rogelio.