O pasado 27 de xaneiro, no marco da folga xeral convocada contra os recortes sociais do goberno do PSOE, un piquete da CNT en Ferrol concentrouse na porta principal do estaleiro Navantia para repartir información aos traballadores e traballadoras arredor dos motivos da folga. Cando o secretario de propaganda do sindicato, R. López, facía tomas de video da actividade da militancia da CNT, foi abordado por un dos integrantes do operativo policial que custodiaba a porta do estaleiro; o axente da policía pediulle que se identificase. Semáns despois, este afiliado á CNT ficou sorprendido coa citación do xulgado de Ferrol para un xuízo de faltas, por un suposto delito de desobediencia á autoridade.
O xuízo tivo lugar na mañá do día de hoxe, 3 de maio, e nel os dous axentes denunciantes tentaron ligar o que son actividades normales do sindicato (o reparto de información polo piquete e a grabación de imaxes desta actividade por parte do secretario de propaganda da CNT) cunha fabulosa conspiración, segundo a cal as imaxes grabadas polo sindicato virían servir para non se sabe moi ben que tipo de actividades delictivas. Esta tese ficou desmontada pola defensa e os testigos que certificaron que o sindicato documenta as súas actividades para a posterior difusión pública do seu traballo sindical, ben nos propios medios de información da organización ( principalmente os voceiros “CNT” e “Solidariedade Obreira” e a páxina web www.cntgaliza.org ), ben como mediante a difusión a outros medios de información escrita e dixital.
O xuízo quedou visto para sentencia, despois de que tanto a fiscalía como a defensa pediran a libre absoución de R. López, por entender que a súa actividade non era constitutiva de delito ningún, pois a lei ampara a realización de filmacións de actividades públicas como a que se realizaba naquel intre. Pola súa parte, o Sindicato de Oficios Varios da CNT de Ferrol desexa salientar que esta denuncia se enmarca dentro dunha política de recorte de libertades que vai dirixida a coartar a libre actividade das persoas e organizacións, especialmente a daquelas que, como a CNT, se opoñen frontalmente ás medidas antipopulares do goberno socialista. Hoxe mesmo tivo lugar unha conducta que se enmarca dentro deses intentos de intimidación, pois varios militantes do sindicato que se concentraron para manifestar a súa solidaridade co secretario de propaganda, foron identificados pola policía; non se entende que a realización de actividades normais en calquera democracia homologada deba ser obxecto de persecución por parte das autoridades, como se foran actividades criminais.
En calquera caso, este sindicato CNT vai continuar mantendo a súa actividade normal, enmarcada sempre na defensa dos dereitos da clase traballadora, sen atender a calquera tipo de intimidacións e coaccións. Ferrol, 3 de maio de 2011 Sindicato de Oficios Varios da CNT de Ferrol
Ferrol. 4 Maio, 2011