No proceso do conflito que a CNT desenvolve contra a empresa pública SEAGA, foi lanzada unha convocatoria de folga para o próximo dia 11 deste mes. Entendendo a especial delicadeza dun sector como é a extinción de incendios forestais, a CNT non quixera ter que recorrer a esta medida sen esgotar todas os intentos de chegar a un acordo. É por isto que a CNT desconvoca a folga para o dia 11 de setembro, ao tempo que anuncia a convocatoria dunha nova xornada de folga o dia 25 do mesmo mes.
Este feito obedece unicamente a un intento de desenvolver unhas negociacións tendentes ao recoñecemento da totalidade das demandas dos traballadores e traballadoras da empresa. A actitude da empresa en todo momento imposibilitou a negociación, sendo que se negou a negociar en sucesivas ocasións.
Este aprazamento da data da folga non implica en nengún caso o abandono das mobilizacións que desde a CNT temos convocadas, e todas as que se poidan convocar antes do dia 25. Antes mais, estas mobilizacións iniciaranse esta mesma semana, cunha manifestación que percorrerá Compostela desde a Alameda atè San Caetano o sábado 11 às 12:00 horas.
Esta desconvocatoria constitúe un ultimátum á empresa pública SEAGA. Se a empresa non se senta a negociar coa CNT, e non acepta a totalidade das reivindicacións prantexadas polos traballadores e traballadoras, producirase a xornada de folga sen mais posibilidade de adiamento.
A intención da CNT é conseguir as condicións básicas para que os traballadores e traballadoras do sector non se xoguen a vida nos incendios, cuestión que non está garantizada en absoluto. A desregularización do sector e a falta do recoñecemento da categoría profesional de bombeiros/as forestais, a total carencia de cursos de formación e prevención de riscos adecuados para os traballos que realizan, altamente perigosos, redundan na imposibilidade da realización das tarefas de extinción con total garantía das vidas dos traballadores e traballadoras.
Desde a CNT non podemos admitir a intromisión da UME (unidade militar de emerxencias) e as patrullas do ET (exército de terra) no dispositivo contra incendios forestais. Exiximos a sua retirada e o trasvase da totalidade dos seus medios materiais aos bombeiros e bombeiras forestais.
Desde CNT queremos un dispositivo contra incendios forestais coas contratacións polas listas da Xunta de Galicia e cuns medios unificados e profesionalizados. Pero tamén recalcamos a necesidade da suscripción dun convenio que regule o sector recollendo as necesidades específicas dos traballadores e traballadoras de todolos oficios forestais.
Por ser a consecución destas mínimas condicións de traballo, condicións indispensables para non poñer en risco a vida dos traballadores e traballadoras, e para desenvolver con dignidade a sua labor pofesional, aprázase a folga coa única intención de que a empresa se aveña a negociar. Pero se a empresa SEAGA persiste na súa negativa e actitude obstrucionista e se a empresa SEAGA non asina estas condicións mínimas que permitan @s profesionais realizar o seu traballo sen xogarse a vida todos os días, a empresa SEAGA debe ter a seguridade de que o día 25 de setembro haberá folga en toda Galiza e continuarán as mobilizacións de protesta.